Lembrades a expresión: outra vaca no millo?. Pois esta mañá primaveral imos inventar outro lema : outra formiga na cociña. Non sei se neste intre alguén se topa nesa situación de invasión formigueira, na que mires para onde mires aparece unha ringleiriña moura e silandeira, que non abandona o interior da casa nin tola, descoñecendo que no exterior, se vive moito mellor.
Attenzione Bambini:
De todas as especies que hai sobre a terra, as formigas son as máis exitosas. Están por todas partes: nos desertos máis áridos, nos pantanos máis húmidos, nas xunglas máis inaccesibles....e nas cociñas das nosas casas. Se sumaramos todas as formigas que hai no mundo, pesarían máis que humanos, ,elefantes e rinocerontes xuntos. Ata se poden topar algunhas especies na auga. As formigas de lume constrúen balsas co seu corpo para cruzar un río. Ou forman unha ponte para poder trasladarse dunha árbore a outra. Son bechos intelixentes.
Onte tivemos un erro ao reflectir o número de pexegueiros de Patureza pois temos, ademais do que convive coa photinia ao pé da Charcauga, outros dous que plantou Berto e que están protexidos por unha roda. Estivémoslle sacando as malas herbas hai pouquiño, despois de que viñera Jose a cortar a herba.
E do Berto que plantou os pexegueiros, ímonos ao Berto que plantou dúas árbores que medran ao pé dos ríos pois precisan moita auga para vivir e que se chaman:
................................................................. Aí vos queda a pregunta primaveral de hoxe.
E agora vai algunha resposta ás cuestión de onte. Entre outras árbores ou arbustos ornamentais que hai no quinteiro do Ribeiro están a camelia, as hortensias, a magnolia, a photinia e tamén o xazmín da tía Inés de Aria que pasa o muro para convivir coas especies de Patureza.
Podemos aproveitar a folla do loureiro para cociñar. As vinagreiras( ou como vos lle chamades os chuchameles) para chuchar neles. A celidonia -tamén chamada herba da andoriña- e o aloe vera para curar as feridas. E sandar co mentastre as molestias das estrugas.
O Xardín dos Arrecendos garda tesouros para facer infusións. Herba luísa, xarxa, menta, entre outras moitas herbas mediciñais.
O XOGO É UNHA NECESIDADE VITAL
Ningún comentario:
Publicar un comentario