Sabedes se pasou algo especial desde a última mensaxe que subimos ao blog da escola?
En Patureza hai moitos cambios topámonos con máis bichos dos que había, as árbores xa teñen flores, as moreiras botaron as primeiras follas para poder alimentar os vermes de seda, a maceira xa non está espida , a ameixeira ten o seu traxe de cores, no muro da horta de Bartolo asóman as lagartixas, as guaridas están completamente camufladas porque medraron as hortensias. As camelias e as flores da magnolia alegran a paisaxe xunto coas margaridas de Karmelu, os merlos non deixan de cantar, os peixes da charca asómanse algo máis- xa sabedes que son tímidos- e xa vai algo menos de frío.
Este é un tempo no que se pode desfrutar coa observación da natureza. Se podedes saír fóra e levar unha lupa sería estupendo......Se non agudizade a vista e o oido. Se alguén presta moita atención podería escoitar o canto do CUCO.
Aínda que non o escoitemos polo menos podemos desfrutar deste poema do poeta do Courel Uxío Novoneyra :
CANTA O CUCO CANTA E CALA
DOS CASTIÑEIROS DO VAL.
PASA O TEMPO E NON DI NADA
E VOLTA O CUCO A CUCAR
Imaxinamos que xa sabedes que estamos a falar de que por fin chegou a PRIMAVERA. E nós igual toleamos un pouco coa mudanza de estación.
Van un par de preguntas para a xentiña do Ribeiro:
Temos en Patureza algunha árbore moi, moi, moi alta que semella un rañaceos e que bota un piso cada ano?
Lembrades se temos algunha árbore froiteira ?
Seguiremos durante a semana con máis preguntas primaverais.
Se queredes imitar os rechouchíos dos paxaros, só tendes que coller un corcho dunha botella,mollalo e frotar despois contra o cristal da mesma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario