Aparece de novo a Lúa e deixa que nos deitemos enriba dela, pois parece unha hamaca pendurada no medio do ceo. Quen estea a facer o calendario pode deixarlle un sitiño á Lúa.
Aquí estou. Son Rafael, o homiño de papel. Levo acompañando as nenas e nenos da escola dende hai moitos anos ( quen queira que diga unha cifra, a ver se adiviña). Gústame moverme co sopro dos vosos pulmóns como no experimento preparado por Karmelu con Suspiritos. Primeiro tendes que deixar ben recortada a miña silueta para que eu poida manterme ergueito sen problema. Non me gusta caer, pero se caio, o único que hai que facer e colocarme de novo de pé. Avanzo por superficies lisas, por camiños dereitos ou sinuosos, con curvas e costas. Para descifrar o que son capaz de realizar teredes que facer uso da vosa habilidade e da vosa imaxinación. Non me importaría que alguén fixesemáis siluetas que me acompañen. Pois se estivésemos na escola sería o momento para a relación duns homiños con outros por riba da superficie das mesas. Non o poderíamos facer en Serpentina xa que o chan non é completamente liso. Xa vos podedes supoñer que o meu traballo é detectar o nivel de lisura das superficies. Son unha especie de nivel, como o que é usado na construción, na carpintería tanto de aluminio como de madeira, na fontanería etc. Lembrádevos de facerme un cama para descansar e taparme, porque á noite sento a friaxe no meu corpo de papel e xa sabedes que se o papel se molla ou colle frío desaparece.
Outra idea: quen se anime pode preparar circuítos para chapas, pedriñas, carrabouxos ou ben calquera material e teredes que comprobar se roda ou non,se é máis ou menos veloz.....Un mundo de dimensións inabarcable.
Animádevos coas propostas e a xogar!
O XOGO REMÓNTASE AO PASADO E PROXECTASE NO FUTURO.
Ningún comentario:
Publicar un comentario