Devagar pasamos a folla do calendario e xa estamos no mes de Maio. Fomos quen, entre toda a xentiña do Ribeiro, de celebrar estes 25 anos nos que levamos participando e pondo en valor esta tradición da nosa cultura cunhas aportacións creativas, persoais e moi xenerosas. Recibide un mar de Parabéns para compartir.
Lembrades a pregunta da semana pasada sobre os bugallos, tamén chamados carrabouxos, crocas ou tecnicamente CECIDIOS? Seguro que máis dunha investigación realizada levouvos a descubrir que non son froitos dos carballos se non que son unha defensa das árbores fronte a determinados insectos que depositan os seus ovos baixo a casca, nos gromos máis novos dos carballos. A excrecencia que xera a árbore sérvelle á larva como vivenda, alimento e defensa dos seus depredadores naturais. Na escola temos aberto os carrabouxos e observado o lugar onde estaba o ovo e mesmo o insecto antes de que furara o bugallo para saír ao exterior.
Xa mirades que a cultura e a natureza están moi relacionadas porque da man dos maios chegamos á proposta desta semana que é CANTA BICHERÍA !( Este foi o título do XVII Salón do libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra do ano 2016).
Neste tempo andamos ao rebusco de todo tipo de bechos, dende as xoaniñas que andan a alimentarse de pulgóns, pasando polos escarabellos, bechos bola, arañas peludas, bechos pau, escolopendras, abellas, avespas, porcos da terra, chinches verdes, grilos, tesoiriñas, mantis, cigarras, formigas, vermes, bolboretas e un universo inmenso de bechos cos que poder desfrutar no tempo da primavera.
Contaremos algo sobre uns protagonistas estelares dos que gustamos moito e que nos aprenden unha chea de curiosidades.
Trátase dos vermes de seda (Bómbix mori) e a súa transformación en bolboretas. Os ovos chocados da pasada primavera, encanto comeza o calor van espertando e buscan o seu único alimento a folla da moreira - Moreira morus e Moreira nigra –,pasan por cinco estadios, nos que teñen momentos de soño e mudas da pel que duran arredor de 40 días. A continuación comezan tecer os seus casulos, e unha vez realizada a metamorfose, sairán as Bolboretas, femias e machos que copulan e ten lugar a posta de ovos e así reiniciase o ciclo da vida.
Os vermes de seda na actualidade só viven en cativerio, por iso temos que alimentalos nós.
As bolboretas apenas voan. Cando xa fixeron a posta de ovos morren pero non inmediatamente.
Pódense notar 12 aneis no seu corpo, ademais da cabeza. As súas patas son miudiñas.
Os vermes de seda son os seres vivos que, en menos tempo, experimentan un meirande crecemento en todo o reino animal, pois desde os tres milímetros que teñen ao nacer chegan a aumentar o seu peso 6000 veces e o seu volume 8000. Duplican o seu volume cada 2 días. Imaxinade como sería se isto nos acontecera ás persoas.
As femias son de maior tamaño que os machos.
Dun casulo poden saír 1500 metros de seda.
Xiana, Martiño, Darío, e quen estea actualmente a coidar dos vermes, tendes unha oportunidade única de aprendizaxe. É emocionante ver como se paralizan nunha postura de ioga para mudar de pel. O aumento das súas cagadas poliédricas.( Na escola tiñamos clasificadas as cagadas polo tamaño desde 1ª a 5ª).Cando chegue o momento do apareamento ides observar como os machos tentan con insistencia copular coas femias. Ás veces hai poucas femias e o reparto é desigual, en ocasións é máis equilibrado. A cuestión é que ate no ter feito a metamorfose non sabemos o xénero das bolboretas. Desfrutade desta excepcional experiencia.
O conto da Viaxe das Bolboretas acompáñanos esta semana. Hai algún tempo Cris,( a curmá de Xoel ) e a súa familia fixeron na escola unha recreación marabillosa desta historia e usaron material de reciclaxe para crear os diferentes personaxes: o verme, o grilo, a tesouriña, a xoaniña, a formiga e a pulga.
Lembrades como a tartaruga precisaba a axuda dos animais para saber a que sabía a Lúa? Pois o verme tamén necesita que lle boten unha man os amigos que viaxaron xuntos enriba de el dende a Laranxeira ata o Limoeiro.
E damos a despedida cunha cantiga do Maio de 2011
A TRABALLAR EN EQUIPO
APRENDEMOS ENTRE IGUAIS.
AO FACER AS COUSAS XUNTOS
Ningún comentario:
Publicar un comentario