ABRIL: CONTOS MIL
Abril abre a porta
e invítanos a pasar.
É un bo momento,
para mil contos contar.
Cargado de aniversarios,
alguén cumpre un ano máis.
Onte ía moito frío
marchaba marzo, marzán.
Boa xeira, xentiña do Ribeiro, pasamos a folla do calendario e este mes imos celebrar a existencia dos libros. Alguén lembra cando a avoa de Elia vos falou de como se fan os libros? A planta do pergamiño en Exipto, os xeroglíficos, a pasta de papel .....quedou gardada a experiencia na memoria gráfica do blog de Pousada. Os libros que prepararades vós quedaran xenial.
Os libros ábrennos os ollos a outras realidades, apórtannos coñecemento, permítennos sentir, soñar, chorar e rir.
Que vos parece pechar os ollos e imaxinar o voso conto favorito?
Seguinte paso: ides buscar o público que vai escoitar o conto e que poden ser os vosos bonecos, as bonecas, os peluches, os clics, os dinosaurios, os coches e motos e camións e todo aquilo que sexa importante para vós.
Colocade o público como vos queirades: en roda, nos chanzos das escaleiras (a modo de anfiteatro), enriba da cama...
Preparádevos para que dea comezo a aventura de contar. O conto aquí está !
Se queredes, despois facedes unha sesión para público humano. Iso dependerá da capacidade que teñades para seducir ao persoal. Estamos seguras de que a sesión de conta-contos vaise petar de xente.
O XOGO APÓRTANOS INFORMACIÓN SOBRE O ESTADO EVOLUTIVO DAS CRIANZAS.
Ningún comentario:
Publicar un comentario