Hoxe celebramos o Día da Infancia acudindo ao cole en pixam, para lembrar que todos os nenos e nenas teñen dereito a medrar nunha familia, rodeados de afecto, coidados e seguridade.
Esta iniciativa, promovida por ASEAF (Asociación Estatal de Acollemento Familiar), busca dar visibilidade á infancia que non pode vivir coa súa familia de orixe e sensibilizar sobre a importancia do acollemento familiar. Porque o pixama simboliza a calor dun fogar, a protección e a tranquilidade de sentirse querido.
Na nosa escola quixemos acompañar esta celebración cunha xornada de té e pastas de cabaza, elaboradas por nós o día anterior, e coa ilusión de levar os nosos bebés de acollida para pasar un día nas nosas casas, compartindo coidados e agarimo.
Ademais, este ano puxemos o foco nun dereito fundamental: o dereito da infancia a estar en contacto coa natureza, a explorar, xogar, descubrir e medrar conectada co seu contorno.
Esta actividade enmárcase no programa Centros Referentes Protectores e de Inclusión Educativa, na modalidade de Convivencia, reforzando o noso compromiso cunha escola que acolle, coida e protexe.
Porque toda a infancia merece medrar feliz, nun fogar cheo de agarimo e nun mundo no que poida descubrir e gozar da natureza. 🌱
























Ningún comentario:
Publicar un comentario