18 de xuño de 2026

TESOUROS 💕

 Os verdadeiros tesouros que levamos connosco

Para despedir este curso escolar quixemos compartir co noso alumnado unha actividade moi especial, chea de emocións, lembranzas e significado. Inspirándonos no libro Tesoros, de Nuria Figueiredo, conversamos sobre o que realmente é un tesouro. Entre todas e todos fomos descubrindo que os tesouros máis valiosos non son aqueles que se poden mercar nin gardar nun cofre, senón os recordos compartidos, os momentos vividos, a compañía das persoas que queremos, o cariño, as aprendizaxes e o amor que nos acompaña ao longo do camiño.

Despois desta reflexión chegou o momento de facer entrega dos nosos tesouros.

O alumnado que continúa na Escola recibiu un agasallo moi especial: un cadro colaborativo elaborado e pintado polo alumnado que este ano emprende novos camiños. Nel quixeron deixar a súa pegada, plasmando momentos e elementos significativos deste curso, como o inesquecible nacemento dos pitiños. Titularon o cuadro: “Corazón de pitiño”. Un recordo cheo de vida e de afecto para que permaneza na Escola como testemuña de todo o vivido xuntas e xuntos.

Pola súa banda, o alumnado que se despide da Escola levou consigo unha pequena caixa de tesouros, creada para gardar nela todo aquilo que consideren importante ao longo da súa vida. No seu interior atoparon un gran tesouro: un rolo de papel decorado e pintado polos seus compañeiros e compañeiras, cheo de mensaxes, debuxos e mostras de cariño.

Ademais, esta caixa foi acompañada doutros elementos cargados de significado: o seu boneco de asemblea, aquel que os representaba cada día e que eles mesmos elaboraran ao chegar á Escola; un pequeno bote con area do areeiro, para lembrar os innumerables xogos e aventuras compartidas; outro con romeu recollido do patio, para evocar o seu aroma e todo o que ese espazo representa; e, finalmente, un libro de fotografías que recolle o paso do tempo e tantos momentos especiais vividos durante esta etapa (coa sua pegada para poder consérvala cando medren).

Foi unha actividade profundamente emotiva e significativa. Resultou marabilloso observar ao alumnado interactuando entre si, compartindo as fotografías, explicando anécdotas e revivindo experiencias que forman xa parte da súa historia común. Un peche de curso cheo de sensibilidade que nos lembrou que os verdadeiros tesouros son aqueles que gardamos no corazón e que nos acompañarán sempre. 

Sede moi felices, voade moito pero voltade cando queirades 💖


















































Ningún comentario:

Publicar un comentario