20 de abr. de 2020

FICAMOS NA CASA: 1 proposta semanal


Estamos  avanzando no tempo e vai comezar unha nova semana, a que vai do 20 ao 24 de Abril.

A partires de agora mudamos o xeito de organizarnos. No día da semana adicado á Lúa, imos continuar coas propostas no blog: retos, preguntas,  lembranzas,  ilusións, poemas, cancións, adiviñas. Durante toda a semana iredes enviando as vosas marabillosas  aportacións e as subiremos ao blog os venres, para seguir tecendo  con fíos de  paciencia, emoción e  amor  a relación entre casa e escola.

As propostas que vos enviamos son orientadoras. Non se trata de reproducir  exactamente o modelo se non de descubrir e desfrutar co proceso creativo, coa resolución dos problemas que xurdan. Se para facer unha actividade nos falta algún material, imaxinamos outro que nos poida valer. As cores, os deseños, as maneiras son algo persoal. É importante prestar atención nos pasos a seguir. Lembrades, cando montamos o carromato, que ao chegar ao final non eramos quen de colocar os últimos paus? Nese momento decidimos que tiñamos que voltar a consultar as instrucións de montaxe para resolver o problema. Pois seguir o proceso é fundamental pero cada quen á súa maneira.

Como aínda estamos en Abril, os contos seguen moi  preto de nos, aínda que nos acompañarán durante toda a vida. Que vós parece se esta semana facemos unha representación teatral dun conto que vos guste? Xa sabedes que os personaxes poden ser as mascotas, peluches, animais, calquera elemento ao que vos lle outorguedes a encomenda de participar no conto.Teredes que facer a preparación do escenario, os obxectos necesarios para crear o ambiente, os efectos sonoros......Calquera problema podédelo consultar con Aria, nosa experta en teatro. 

Se tivésedes a sorte de ter alguén ao voso lado que vos conte contos, historias, aventuras,  con palabras que non están escritas, sería fantástico porque hai unha parte da vida que temos que transmitir de boca en boca, que non está escrita,que forma parte da tradición  oral, a única que existía cando  aínda non había libros.

O xoves 23 de Abril celébrase o Día do Libro e adoitase agasallar ás persoas que queremos cun libro. Pensades que sería boa idea preparar un mini conto ilustrado por vos para agasallar a quen queirades? Para preparar o conto podedes aproveitar a actividade de papiroflexia,  na que  é importante dobrar con moita exactitude. Podemos coller un papel grande e ilo dobrando en partes simétricas (actividade de simetría) e cortar e despois coser as páxinas, ou grampalas, ou pegalas. A ilustración non ten que ser só con debuxos, podédela facer con collage, usando diferentes materiais : flores, follas secas ou sen secar, pratiñas ,cartón, pauciños.... todo aquilo que teñades a man. Pode ser un libro con volume (non pasa nada) pódense gardar as páxinas nunha caixa e teriades un libro de artista.  Quen o desexe consultar este concepto en internet, é moi interesante.




                         
 

MARCELA, RA SALTAREIRA
RAÚL, MARTIÑO E CIBRÁN
MARCHARON A RUSIA
BUSCAR UNHA RÁ.
CRUZARON FRONTEIRAS,
RÍOS, TERRAS CHAS,
FRAGAS, CARBALLEIRAS. 
NON VIRON O MAR
PORQUE NESA RUTA
RIBEIRA NON HAI.
PERO VIRON ROSAS,
FLORES DE AZAFRÁN,
MARGARIDAS BRANCAS
DA COR DO SOÑAR.
SENTIRON O MERLO
E O CORVO A GRALLAR.
EN RUSIA ATOPARON
A CHARCA DAS RAS
E DENTRO MARCELA
BRINCAR E CANTAR.
A VIAXE REMATA
NUN INTRE, TRIS, TRAS.
E AGORA MARCELA,
CANTA, CANTARÁS,
NO QUINTEIRO DE MARUJA  
E NO DE SAN ADRIÁN.

Non esquezades que hai unha semana por diante para facer as propostas.
Non deixedes de observar a natureza e os niños de Rulas e de merlos e de papos roibos. 
Pasade unha boa semana. Seguimos ao voso lado. Coidádevos moito.

1 comentario: