Ola a toda a xentiña do Ribeiro. Chega Xuño e o día 5 celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente.
Esta conmemoración significa que é necesario reflexionar sobre este tema e decidir que accións podemos facer para protexer e coidar o planeta Terra.
Cando saímos pasear e nos topamos con plásticos, latas, paquetes de tabaco, envoltorios, botellas, papeis e lixo ciscado. Como nos sentimos? Que facemos?
O problema do lixo non é só unha cuestión estética, que non sexa agradable mirar a natureza emporcallada, se non que todos os residuos que deixamos atrás pasan ao solo e aos poucos van integrándose na terra e contaminando a mesma.
Hai algún tempo que decidimos asumir a limpeza do Río do Porco. E conseguimos que o estado actual do río sexa moi saudable. Ao por en valor os espazos naturais conseguimos facer visible o noso territorio e que este sexa respectado.
Sabedes que no Ribeiro levamos compostando máis de vinte anos? Na actualidade aprendemos moito de como compostar con maior eficiencia. Controlamos a temperatura do composto, coidamos de darlle volta co berbiquí xigante, cubrimos con estruturante cada vez que botamos lixo no composteiro e sentimos moita satisfacción por axudar á mellora do medio ambiente.
Bartolo tamén desfruta desta aventura composteira porque recibe unha boa ración de nutrientes que enriquecen a composición da terra e melloran os cultivos que temos na súa horta.
Lembrades o conto Que podo facer eu? Pois cada quen pode facer algo, reflexionar sobre as nosas accións, pensar ideas e levalas adiante. Se queredes, para empezar podedes inventar lemas, en familia, sobre a protección do Medio Ambiente. Empezamos nós:
QUE NON TIRARAS O LIXO?
CANDO VAIAS Á PRAIA
NON DEIXES LIXO
Ningún comentario:
Publicar un comentario