Chega o momento de cubrir no calendario o día de hoxe, que é venres 3 de Abril, adicado ao planeta Venus.
A Lúa segue a encher. Imaxinade a metade da lúa: se queredes que se encha moi rápido podedes pintala e facerlle a metade que lle falta. Agora xa está redonda. Para que volva ser de novo só media lúa, ou esperades a que mingüe na realidade, ou con moito coidado a recortades polo medio e quedaríanvos dúas partes iguais. A Lúa e outras moitas realidades ten unha característica chamada simetría. Na natureza topámonos cunha morea de formas simétricas. Pensade nas bolboretas, decatádevos de como as súas asas son idénticas, unha é a réplica da outra.
Lembrades un xogo da escola, feito de madeira pintada de cor rosa e que está composto de metades da mesma figura e, ao xuntalas, aparece un obxecto enteiro? É certo que, en ocasións, unides pezas diferentes que no son parellas e conseguides formas novas, creativas e simpáticas.
Hoxe a proposta que imos facer trata de simetrías. Desfrutade con ela.
O blog da escola estase a encher, como a Lúa, coa vosa participación e nós sentímonos moi felices de ver o ben que estades levando esta situación estraña que estamos a vivir. Desde as nosas casas abertas mandámosvos ás vosas casas abertas unha aperta simétrica.
Podedes coidar unha palabra durante as vacacións? Escollede a que queirades:
Amizade. Bolboreta. Camiño. Chocolate. Dinosauro. Eu. Familia. Golfiño. Horta. Irmá. Lúa. Mar. Nai. Ñu. Ouro. Paxaro. Querer. Ribeiro. Sol. Tartaruga. Universo. Venres. Xente. Zas.
XOGAR É UNHA ACTIVIDADE IMPRESCINDIBLE PARA A VIDA.
Ningún comentario:
Publicar un comentario