16 de abr. de 2020

QUÉDATE na CASA:16 proposta

Abril a medrar e a Lúa a minguar. O ciclo da vida sempre a rodar. Onte, os cans e as cadelas; as galiñas e algún galo; as vacas e os xatos ou cuxos; os cucos e as rulas; os ratos de campo e os esquíos; as aves rapaces e os liscráns e unha grea de animais desacougáronse bastante por mor da treboada. Na natureza existen fenómenos que perciben os animais de xeito diferente que as persoas. Ao mellor alguén non escoitou aínda a palabra liscrán ou aliscrán ( Reptil da familia dos ánguidos- Anguis fragilis – de pequeno tamaño, co corpo en forma de serpe, de cor castaña ou agrisada), pero coñecemos polos contos a palabra esquío (mamífero que habita nos nosos montes de rabo moi peludo e longo que se alimenta de froitos, ovos, insectos  e piñas), seguramente lembrades durante un paseo polo monte piñas rilladas polos esquíos que paparon os piñóns.

Hoxe, Día do Libro da Froita. Quen queira pódese animar a facer unha páxina nova. Seguramente haberá máis dun plátano, mandarinasmazás varias,  laranxas para zumearalgunha que outra ameixa e quen sabe se algunha froita sorprendente. Lembrades  as mazás de Portugal pequeniñas e vermellas que rillamos o último día que nos vimos? Virán tempos de froitas variadas coa chegada do verán.

Un conto novo chegou ás nosas mans, O camiño das mazás, escrito por Estrella Ortiz e ilustrado por Mar Azabal e topámonos no medio das mazás cun poema que compartimos con vós:

O medo é un camiño
entre árbores escuras.
O medo son pisadas
Que soan por detrás.
O medo é o silencio,
Un asubío do vento.
O medo acazapado,
Ansioso por saír,
Murmura moi baixiño
Sen parar de rir:

ESTOU AQUÍ!        AQUÍ!             AQUÍ



















1 comentario: